Monday 06 de May de 2024

Ovidio Rodeiro visita o obradoiro de emprego de garantía xuvenil de Carballo que forma a 12 alumnos en carpintería e moble


O delegado territorial destacou que a Xunta financiará 3 talleres de formación e 26 cursos AFD na comarca cun investimento que supera os 1,6M€

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos alumnos do Obradoiro de Garantía Xuvenil que se está impartindo en Carballo de Carpintería e Moble grazas a unha achega da Xunta de 135.000 euros. A parte práctica, tras a formación teórica, para os 12 alumnos consistirá na construción e instalación do mobiliario interior do Museo de Bergantiños.

Durante a visita Ovidio Rodeiro lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta apoiará a realización dun total de 3 talleres formación dos cales 1 deles é de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 2 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 651.000 euros.

O obradoiro ordinario de carácter dual terá lugar na Laracha. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil realizaranse na Laracha e Carballo.

Estes obradoiros permitirán que un total de 48 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando a capacidade para atopar un emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

A nivel provincial, os 25 obradoiros de emprego que se organizan este ano na Coruña permitirán a formación de 444 alumnos grazas a un investimento de máis de 6,7 millóns de euros

Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Cursos AFD
O delegado territorial lembrou que na área de Bergantiños-Costa da Morte impartiranse tamén 26 cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas a Desempregados) para preparar a 390 alumnos cun investimento que supera o millón de euros. Estes cursos celebraranse, na súa maioría, en empresas e entidades sen ánimo de lucro e 3 deles no concello de Carballo. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “só con estes dous programas a Xunta de Galicia investirá nesta área de Bergantiños-Costa da Morte máis de 1,6 millóns de euros para impartir os 3 obradoiros e os 26 cursos AFD”.